Día Mundial da Saúde Mental 2016 en Betanzos

O día 9 de outubro, conmemoramos en Betanzos o Día Mundial da Saúde Mental, cunha programación na que contamos cunha mesa informativa e unha andaina solidaria a favor da nosa asociación que organizaron as responsables de Hoxe camiñamos por (voluntarias de Eroski Betanzos). O evento foi todo un éxito contanto coa participación de case 400 persoas na andaina. Para cerrar o acto o escritor Antonio Tizón, agasallounos con este romanciño, que emocionou ós asistentes. Co seu permiso, reproducímolo aquí para que o poidades disfrutar.

 

BIPOLAR (ou SON COMA TÍ AÍNDA QUE NON O SAIBAS)

Facer romanciños
é un gusto que teño
e gústame tanto
por ser tan pequeno
o fondo entrevisto
e a forma de velo
ás veces escribo
do antigo tormento
pero ao recitalo
acabo co medo
recito con mimo
e sempre moi lento
xa sexa de noite
ou sexa moi cedo
regresan de novo
recordos xa vellos
da enfermidade
que comigo levo
dende que brotou
como algo xenético
tamén consecuencia
do ambiente tan feo
trastorno mental
bipolar eterno
hai cousas que duran
coma o firmamento
que veñen e van
como vén o vento
como se vai o sol
máis alá do ceo
paseino moi mal
baixei ata o inferno
e fun de odisea
de médico en médico
visitei psiquiatras
sen paliar o tedio
nin a depresión
que estaba tan dentro
nas profundidades
dun pozo moi negro
e tamén a euforia
levei de paseo
créndome daquela
que era don perfecto
todo un superhome
maxestuoso e belo
facendo barbaries
que aínda non creo
Ata que de súpeto
saín dese inferno
a base de amor
dun bo tratamento
sei que necesito
os medicamentos
un ritmo de vida
tranquilo e sereno
tamén necesito
novelas sonetos
ás veces romances
romanciños tétricos
 Xa sei que ti pensas
distinto ao que eu penso
pero hai quen non ve
o que ve ata un cego
eu son coma ti
e somos o mesmo
persoas no espazo
ao arbitrio do tempo
 eu son coma ti
tan san como enfermo
se inda non o sabes
terás que aprendelo

 

* Antonio Tizón padece un Trastorno Bipolar. Foi periodista e profesor pero, dende hai algún tempo, adícase só á literatura. Entre os seus libros, inéditos ou xa editados, destaca A antesala luminosa, publicado en xaneiro de 2015 por XERAIS, a primeira novela dunha tetraloxia que sairá á luz nesa mesma editorial durante os próximos anos, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema da enfermidade mental.